Medio Rural enxalza a importancia da Feira Internacional Abanca Semana Verde para o sector primario galego
Silleda (Pontevedra), 6 de xuño de 2025
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitaron hoxe a Feira Internacional Abanca Semana Verde, que se está a celebrar estes días no recinto feiral do concello pontevedrés de Silleda.
Durante o seu percorrido polos diferentes postos do evento, José Balseiros destacou a importancia que ten esta feira para o sector agrogandeiro galego, xa que está consolidada como a maior feira multisectorial e ocio do noroeste peninsular. Así, salientou que se trata dun espazo que as persoas que se dedican a este sector poden aproveitar para establecer contactos que deriven en futuros negocios e axuden a impulsar o progreso no medio rural.
Accións de promoción de produtos agroalimentarios
Tamén no marco da Semana Verde, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo unha reunión de traballo cos representantes de varios consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas.
Nesta xuntanza, avaliaron a posibilidade de establecer novas vías de colaboración para levar a cabo accións de promoción co obxectivo de fomentar o consumo dos produtos agroalimentarios con selo de calidade diferenciada.














